venres, 20 de xuño de 2014

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller organiza por quinto ano consecutivo o programa estival de observación astronómica da Cidade da Cultura

Por quinto ano consecutivo, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) coordinará a realización dun amplo abano de actividades de astronomía para todos os públicos incluído na programa ‘Verán no Gaiás’ da Cidade da Cultura de Galicia. Ao longo dos próximos tres meses, os venres dende o 4 de xullo ao 19 de setembro realizaranse once sesións de observación nocturna no monte Gaiás nas que as persoas que participen poderán recoñecer constelacións a simple vista e observar a través de telescopios a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares ou nebulosas. Concretamente, as observacións están previstas os días 4, 18 e 25 de xullo a partir das 23.00 horas; os días 1, 12, 15, 22 e 29 de agosto dende as 22.30 horas e en setembro os días 5, 12 e 19 a partir das 22.30 horas. A xornada do día 12 de agosto estará dedicada fundamentalmente á observación das estrelas fugaces Perseidas. As actividades de observación estarán acompañadas de informacións de interese, comentarios e anécdotas en relación cos obxectos a observar por parte dos monitores do OARMA, coa finalidade de facer as sesións o mais atractivo posible. As persoas interesadas poderán participar de balde nas actividades propostas previa inscrición na web www.cidadedacultura.org.