luns, 27 de xaneiro de 2014

Xornada Estalmat-1º en Guitiriz

A pesar de que tivemos unha  poalleira continua, este sábado 25 de xaneiro do 2014pasamos unha bonita xornada do Estalmat Galicia en Guitiriz. Ó igual que os de segundo, fixemos máis ou menos o mesmo percorrido  durante toda a mañá. Comezamos coa charla de presentación  na Casa Habanera, logo fixemos a  visita á igrexa máis grande do Concello  (Sagrado Corazón de María) , ó reloxo analemático. Faltóunos ver a mezquita de Franco.  Tomamos a parva coa torta ou bica de Guitiriz. Algúns quedamos a xantar no restaurante "La Casilla" e rematamos cun  café no Balneario.            Ver fotos

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Este foi outro dos poemas que fotografiamos na Casa Habanera nas Xornadas Estalmat Galicia deste curso 2013-14 do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas 2014, Xose María Díaz Castro

Esmeralda

Herba pequerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
¿ Por qué de ser pequena 
te me avergonzas ti?
O Universo sería
máis pequeno sin ti!


Foi un dos poemas que vimos do poeta nado no Concello de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro.  E que este ano 2014 é o homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Novas tecnoloxías na Idade Media

A lenda da Torta de Guitiriz


Unha das cousas que fai tamén curiosa a Torta de Guitiriz,  e a  da súa orixe, pois ten unha lenda particular:
No lugar de O Boedo había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia en busca de acubillo. Chamaron ás portas de varias casas porque chovía incesantemente, pero ningunha llo quixo dar. Incluso un zapateiro arroxoulle unha forma a Xesús. Chamaron entón á porta dunha muller que tiña varios fillos. Todos eles estaban a chorar da fame que tiñan. A muller díxolles que só podía aloxalos pero non darlles de comer. Entón a Virxe díxolle á muller que collese cinzas do fogar e que amasase unha torta con elas. Ao principio, a muller foi reticente, e dicía que non se podería amasar nada cunhas simples cinzas, porque a masa non ligaría. Pero ante a insistencia da Virxe, a muller accedeu a amasar e cociñou unha torta coa que alimentou a todos os presentes. Ante a incredulidade da muller, a Virxe dixo que era tan seguro que aquela torta estaba feita de fariña de millo  como que o lugar de O Boedo desaparecería baixo as augas aquela mesma noite por non darlles acubillo. E así foi, á mañá seguinte todo o pobo desaparecera baixo as augas, ben, todo o pobo non, só quedou a salvo a casa daquela humilde familia. Dise que dende entón se escoitan campás e un ruido que foi esconxurado por un cura; pero aínda hai un sitio ó que lle chaman o "Pozo da Campá".

Receita da "Torta ou bica de Guitiriz"

Nas Xornadas Estalmat de Guitiriz deste curso 2013-14 (  e  2º) aconselláronnos probar esta sobremesa especial "A torta de Guitiriz".  A verdade é que, algúns,  levamos  unha sorpresa cando a vimos  por primeira vez na panadería, pois non contabamos  que tivera a forma típica do bizcoito. Semellaba non ter nada especial.
De todos xeitos mercámola para probala e levar unha para ás nosas casas e probala con toda a familia. Nas cafeterías de Guitiriz xa un a pode probar pedindo un café. Sabe a pouco o trozo que lle dan a un, pero xa un comeza a ver algo diferente nesta sobremesa. O millo e a manteiga de vaca fana especial. A textura é moi boa, como podedes ver nalgunha destas fotos.
Logo buscando información da receita atopamos algunhas variantes, aquí  un xa ten que investigar, nós imos poñer a que leva 8 ovos,  que semella ser a clásica, outros  prefiren 6 para que lle caiba comodamente no molde  no molde. A outros chéganlle 3 (ó final do artigo). Tamén hai que lle bota máis de fariña de millo que triga, outros igualan a cantidade, e outros bótanlle máis de trigo. Outra curiosidade é a de non botarlle lévedo (fermento), aínda que si hai quen llela bota. Xa sabemos que nesto da cociña a variedade está na orde do día. Imos xa coa receita desta  riquísima sobremesa:
- 6/8 ovos.
- 250 grs de manteiga de vaca cocida.
- 150 grs de azucre.
- 200 grs de fariña de millo 
- 100 grs de fariña de trigo.
- Un vaso de leite
- Reladura dun limón.
- Azucre glas.

PREPARACIÓN: Nun recipiente mestúranse todos os ingredentes con leite . Remóvese ben a pasta resultante e ponse nun molde previamente engrasado. Se usamos levadura (10 gramos) engádeselle ó final de mesturar todo.
Finalmente métese no forno e déixase cocer e dourar durante 45 minutos  a unha temperatura moderada-alta, co fin de que salga jugosa por dentro.

A festa da Torta de Guitiriz xunto coa da Orella celébrase o 6 e 7 de xuño.

Para rematar coas curiosidades, dicir que  esta "delicate" ten unha historia na súa orixe, "A lenda da Torta de Guitiriz"


xoves, 23 de xaneiro de 2014

Comida en Guitiriz para os de 1º - Lista de apuntados

Apuntados provisionalmente  para o xantar do sábado 25 de xaneiro  ( 1º Curso).
Os que queiran apuntarse, enviar aviso a  aferrer61@gmail.com  (Nito). 

- María S. - 4
- Elena Q. R. - 2
- Antonio (Nito)- 2
- Silvia García - 4
- Sánchez Abelenda - 2

TOTAL: 14

NOTA. Os que se apunten terán que deixar o nome do alumno/a do curso, e  a poder ser, un  teléfono para contactar e comprobar a súa asistencia uns días antes da xornada.

Clasificación XXVI Open Matemático e do Concurso de Beleza

Clica na imaxe para ver a clasificación.

Artigos relacionados:

Ver as preguntas do Concurso

 Ver as solucións dos problemas

Ver artigo anunciador do Concurso




Ver a clasificación do Concurso de Beleza


luns, 20 de xaneiro de 2014

Prolóngase o prazo do Concurso Logo/Mascota AGAES

Para dar un pouco máis de tempo o alumnado de Estalmat Galicia  para presentarse o Concurso do Logo ou Mascota da nosa Asociación AGAES  a Dirección  estimou oportuno prolongar  dito concurso ata o vindeiro sábado 25 de xaneiro de 2014

Esperamos que todos vos animedes a participar.

Ver Bases do Concurso

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Un matemático nos billetes de 2000 pesetas

José Celestino Mutis (1732-1808), foi sacerdote, botánico e matemático . Traballlou como médico durante catro anos no hospital de Cadiz. Dirixíu a Real Expedición Botánica ao Reino de Nova Granada ( Colombia, Ecuador, Panamá, Venezuela. algo de Perú, Brasil e Guiana).
 A Expedición iniciouse en 1783 e prolongándose durante uns 30 anos.
En Botánica: estudou a flora do seu contorno e fixo unha marabillosa colección de debuxos da flora grancolombiana
En Lingüística: estudou as linguas indíxenas do seu contorno e, entre outras actividades, elaborou unha serie de vocabularios elementais (100 palabras de cada idioma indíxena) por encarga do rei Carlos III. O rei respondía coa súa petición a Mutis á demanda da tsarina Catalina a Grande, que lle pedira vocabularios das linguas faladas en todos os seus reinos para facer un monumental Dicionario de todas as linguas del mundo. Este dicionario publicouse, pero os recompiladores tiveron a mala idea de facelo por orde alfabética, polo que resulta case imposíbel de consultar.
En Tecnoloxía: fixo importantes achegas a procesos industriais, tales como a minaría da prata e a destilación do ron.

Aparte do billete antigo español de 2000 ptas, tamén aparece no de 200 pesos de Colombia

Este venres 17 de xaneiro celebrouse a XV Olimpiada Matemática

Este venres  17 de xaneiro en Santiago celebrouse en Santiago o Concurso da Real Sociedade Matemática Española (RSME) .
A alumna de Cangas do Morrazo Flora Andrea Alonso foi a gañadora na Olimpiada Galega de Bioloxía con só 16 años.
Comenta que utilizaba os vídeos de youtube para ver e aprender como se facían os experimentos.

II Rally científico e matemático sen fronteiras 2014

Xa está aberta a inscrición no II Rally científico e matemático sen Fronteiras que comezará en marzo de 2014 e que terá a superfinal en Toulouse no mes de maio. Esta actividade ten como obxectivo promover a ciencia e as matemáticas entre os estudantes, demostrar que estes temas non están reservados para a elite, son atractivos e accesibles para todos, favorecer o traballo colaborativo, vivir as ciencias e matemáticas valorando imaxinación, dinamismo e creatividade e abrir as fronteiras e participar xunto nun mesmo concurso de Ciencias e Matemáticas con alumnado doutros países. 
  Ver maís

domingo, 12 de xaneiro de 2014

Concurso da Real Sociedade Matemática Española (RSME)


A RSME vén de facer pública a convocatoria da Olimpiada Matemática 2013-14 para alumnado de bacharelato. Na súas bases establece que excepcionalmente poderán asistir alumnos de 3º e 4º da ESO e os alumnos de ESTALMAT-Galicia matriculados nestes cursos están expresamente convidados a participar. 

As probas iniciaranse xa este venres 17 de xaneiro de 2014 e a inscrición poderá realizar ONLINE no seguinte enlace:  http://www.usc.es/olympia/L/bases.htm

Olimpiada Matemática Galega

Temos de novo outra Olimpiada Matemática, a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) vén de facer pública a convocatoria da Olimpiada Matemática 2013-14 para alumnado de 2º da ESO. 

Podedes consultar as bases no seguinte enlace: AGAPEMA  
Dado que a selección destes alumnos a realiza o Centro Educativo desde a Asociación queremos recomendarvos que vaiades falar cos profes de matemáticas dos vosos fillos/as para indicarlle que están dispostos a participar sempre que sexan selecionados.

Xornada Estalmat-2º Galicia por Guitiriz

Este sábado pasado, 11 de xaneiro, os de 2º de Estalmat Galicia, fixeron a sesión programada no Concello de Guitiriz.   Ós de 1º tócalles o vindeiro sábado 25 de xaneiro
O grupo que se animou a participar nas actividades organizadas  enviaron  algunhas  fotos do que podemos ver alí co/a ou sen  guía do Concello.
Entre outras cousas destacamos como curiosidades: O reloxo analemático       e     a  Mezquita da Guerra Civil de Franco para os musulmáns.

Ver as fotos que enviaron os de 2º de Estalmat

Recordamos que aínda podemos apuntarnos (os de 1º)  para a visita e para o xantar do día 25 de xaneiro
Ver o menú.

A mezquita de Franco en Guitiriz durante a Guerra Civil

En Guitiriz unha das sorpresas que podemos atopar é a dun templo árabe para a oración, unha mezquita (a que vedes na imaxe).

Nunha placa explica a súa razón de estar ali :

El balneario se habilitó como hospital militar durante la Guerra Civil Española (1936-1939). La mezquita se construyó entonces para los combatientes musulmanes que participaron en la contienda.”

Artigo relacionado: Reloxo analemático de Guitiriz

O reloxo analemático de Guitiriz

Un  reloxo analemático  represéntase sempre nunha superficie horizontal. As horas colócanse sobre unha elipse e sobre un analema (figura en  forma de oito) que representa as datas do ano. Non hai gnomón. A sombra proporciónaa a propia persoa situándose sobre o analema no punto que corresponda segundo a época do ano. Esta hora que nos dá ó colocarnos no analema  non coincide coa do noso reloxo de pulseira por dous motivos:
- Polo adianto de unha ou dúas horas da hora legal, isto é algo que non afecta ó recorrido aparente do sol.
- Cando o sol está no máis alto en Greenwich (Londres) faltan aínda 32 minutos para que cruce o meridiano de Guitiriz.  Un sinxelo cálculo proporciónanos este dato:  360º dividido por 24 horas equivale a 15º /hora.  Polo tanto os case 8º equivalen a 32 minutos.  Isto quere dicir que hai que correxir 1h 32 minutos  máis no inverno e 2h 32 min máis no verán.

Ler máis sobre reloxos de Sol

Artigo relacionado: Mezquita de Guitiriz

sábado, 11 de xaneiro de 2014

Que lado utilizas máis do cerebro?


Curioso test para ver que lado usas máis do cerebro, o esquerdo (reglas,idioma...) ou o dereito (creatividade, intuición ...).
 Clica na imaxe para sabelo.

Novo Concurso "Open Matemático"

Este ano o concurso,  xa na  XXVI edición,  vai adicado ás "Matemáticas cos ollos" , e está  organizado polo Colectivo Frontera de Profesores de Matemáticas.

As instruccións para participar son:

 1.- Escanear os problemas que resolvades, cada un nunha páxina. Mellor en formato PDF
 2.- Envialos por correo electrónico ás direccións das profesoras encargadas do Estalmat no  prazo previsto para a primeira xornada ás 14:30 horas do 20 de xaneiro.

Xúntanse aquí ás bases para participar,  e  a información relacionada coa temática deste ano. Os problemas danse dende o comite organizador do Estalmat.

Tamén, se queres,  na ligazón que segue,  podes facer un test  para ver a túa agudeza visual.


domingo, 5 de xaneiro de 2014

Comida en Guitiriz para os de 2º - Lista de apuntados

Apuntados provisionalmente  para o xantar do sábado 11 de xaneiro  ( 2º Curso).
Os que queiran apuntarse, enviar aviso a:    ma-ca@mundo-r.com  (Manuel)

Anxo R.----- 3 persoas
Ana Maria S. -- 3  "
Manuel L. ----- 3   "
X.Antonio ----- 4   "
Mary Conde --- 3   "
Marina Lage ---- 1  "
Familia Bertusi -- 4  "
Ana Arias ---- 4 "
Mª José ----- 3  "

NOTA. Os que se apunten terán que deixar o nome do alumno/a do curso, e  a poder ser, un  teléfono para contactar e comprobar a súa asistencia uns días antes da xornada

PROPOSTA PARA OS PAIS DO CONCELLO DE GUITIRIZ

Ver o listado dos de 1º (o día 25)