martes, 11 de xuño de 2019

Récord de participación con 426 aspirantes na convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2019

Un total de 426 estudantes de toda Galicia nados en 2006 e 2007 participan este sábado 8 nas probas de selección dos 25 estudantes da 13ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Con este número de persoas inscritas, o proxecto consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos.

Os participantes, 175 rapazas e 251 rapaces, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (276) e Pontevedra (113), seguidas das de Lugo (18) e Ourense (19), tanto do ensino público (245) como do privado (181), de 136 centros públicos e 54 centros privados ou concertados. Representan a 91 localidades galegas diferentes. Con esta edición son xa case 4.000 as e os estudantes que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos trece anos para facer a proba de selección.

sábado, 8 de xuño de 2019

Nove graos universitarios aumentan as prazas para o vindeiro curso, no que tamén se impartirán por primeira vez catro títulos de nova creación

Un total de 9 graos universitarios aumentarán o número de prazas ofertadas para o vindeiro curso 2019/20 nas tres universidades galegas, que tamén impartirán por primeira vez 4 novos títulos de grao, tal e como acaba de aprobar en Madrid a Comisión Delegada da Conferencia General de Política Universitaria, o órgano estatal encargado de dar o visto e prace á oferta para a totalidade do Sistema Universitario Español, e no que están representados o Ministerio e as CCAA.
No caso de Galicia -á proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional- esta oferta supón aumentar por primeira vez a oferta de prazas naqueles graos que nos últimos anos non eran suficientes para cubrir a demanda existente, e que presentan alta taxa de graduación e empregabilidade.
Deste xeito, no vindeiro curso auméntanse as prazas no Grao en Enxeñería Informática no Campus de Ourense e no Campus de Santiago (+24), no Grao en Dereito no Campus Coruña e Campus Santiago (+15), no Grao en Matemáticas no Campus Santiago (+10), no Grao en Pedagoxía en Campus Santiago (+2), no Grao en Psicoloxía Campus Santiago (+10), no Grao en Educación Social no Campus Santiago (+2), e no Grao en Enxeñaría Mecánica no Campus de Ferrol (+4). Neste último introdúcese a formación dual polo que o campus de Ferrol será o único de toda Galicia en ofertar un grao dual (o Grao en Enxeñaría Mecánica).