venres, 26 de xuño de 2015

Morte do Sistema Solar

O Sol está aproximadamente na metade da súa vida. Cando o Sol morra, todo o Sistema Solar morrerá con el. A morte dun sistema solar depende do tamaño da súa estrela. O Sol é unha estrela mediana, clasificada como anana amarela de tipo G, moi frecuentes na nosa galaxia. É demasiado pequena para converterse nunha gran supernova e estalar. En vez diso, desgastarase pouco a pouco. Primeiro converterase nun xigante vermello e finalmente esgotarase como unha débil anana branca. Dentro de 5.000 millóns de anos, o Sol terá consumido todo o combustible do seu núcleo, o hidróxeno. Entón, comezará a fusionar helio. Farase cada vez máis grande e volverase vermello. O seu tamaño será dez veces o que ten hoxe, e ocupará todo o ceo... e máis. Tragarase a todos os planetas do Sistema Solar interior: Mercurio, Venus, a Terra e talvez Marte. O resto de planetas torraranse pola calor e a intensa radiación. A fase de xigante vermello durará millóns de anos.Cando o helio tamén se esgote, fusionará carbono por algún tempo. Pero cando xa non quede combustible para máis fusións nucleares, a gravidade do seu núcleo fará que se encolla. Toda a masa do Sol quedará esmagada no seu núcleo e converterase nunha anana branca. Para entón apenas quedará xa nada do Sistema Solar, pois a radiación terá acabado con todo. O Sol aínda vivirá varios millóns de anos máis como unha anana branca. Pero estará tan débil, que a súa gravidade non terá forza para manter unido o Sistema Solar. A heliosfera e a heliopausa teranse destruído. Os restos do Sistema Solar estarán exposto non só ás últimas ondadas de radiación do Sol, senón aos potentes raios interestelares. Os átomos do que un día foi o Sistema Solar esparexeranse pola galaxia.

xoves, 25 de xuño de 2015

Triple conxunción lumínica: A Lúa, Venus e Xupiter


A NASA elixiu esta fotografía no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia como imaxe astronómica do día: unha triple conxunción da Lúa, Venus e Xúpiter que está dando a volta ó mundo grazas á axencia espacial estadounidense.

luns, 8 de xuño de 2015

Cursos de verán da Universidade de Santiago


A Universidade de Santiago de Compostela vén de publicar OS CURSOS DE VERÁN 2015

Destacamos:
- O USO DA CALCULADORA COMO RECURSO DIDÁCTICO PARA AS MATEMÁTICAS DO SÉCULO XXI
(A celebrar na Facultade de Formación do Profesorado e Centro de convivencia
Uxío Novoneyra do Concello de Lugo– Concello de Lugo).

- LaTeX: UNHA FERRAMENTA PARA A DIFUSIÓN DO COÑECEMENTO CIENTÍFICO
(A celebrar na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela).

En opinión das directoras dos cursos, os alumnos de Estalmat-Galicia
(veteranos) non deberían ter problemas na interpretación dos contidos.

ANIMARSE QUE O VERÁN É MOI LONGO E PASA AXIÑA!