martes, 6 de febreiro de 2018

AS MATEMÁTICAS TEÑEN UNHA LINGUAXE PROPIA...

As matemáticas contan coa súa propia linguaxe, a linguaxe matemática. Comprendela e saber utilizala é unha das competencias que debedes adquirir nos estudos do grao en Matemáticas. Xunta esta habedes conseguir outra: comunicar, tanto por escrito como de forma oral, coñecementos, procedementos, resultados e ideas en matemáticas tanto a un público especializado como non especializado.
Daquela, non só comprenderedes o que é senón que seredes quen de comunicárllelo a outras persoas. E para iso utilizaredes linguas naturais; calquera delas, a que mellor se adapte ao voso interlocutor; e que vós coñezades, naturalmente.
Moitos de vós -probablemente, a maioría- atoparedes en Galicia a vosa saída profesional. Outros sairedes ao exterior. Debedes contar coa mellor preparación posible. Aprendede linguas. Mais seguide aprendendo e cultivando tamén a lingua deste país, o galego, para poderdes trasladarlles a beleza das matemáticas aos galegos e galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario