Amosando publicacións coa etiqueta Estalmat. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estalmat. Amosar todas as publicacións

luns, 25 de setembro de 2017

Asemblea Xeral AGAES

Un ano máis comezan as actividade de ESTALMAT-Galicia. O primeiro dámoslle a benvida ás familias que comezan este curso a peregrinaxe a Compostela,  non para visitar a Catedral,  senón a Facultade de Matemáticas

Como todos os anos por estas datas, realizamos a convocatoria xeral ordinaria da Asociación Galega de Amigos ESTALMAT-Galicia (AGAES), cómpre, por tanto, convidar e contar con todas as familias, inclusive as que comezan no 1º curso, para o desenvolvemento da Asemblea.

Comezaremos esta xornada co Saúda por parte da Decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón, a quen  poderedes facer preguntas ou dúbidas a respecto do proxecto. Seguiremos posteriormente coa Asemblea propiamente, e por último, ao remate, faremos entrega dos diplomas do Open Matemático que non foron recollidos no mes de xullo.

Contamos coa vosa presenza.

sábado, 23 de setembro de 2017

Inicio Curso ESTALMAT-Galicia


A décimo primeira promoción de Estalmat-Galicia comeza este sábado as actividades

O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio do Consello Social da USC, da Consellaría de Educación, das Deputacións da Coruña e Lugo e da Fundación Española de Ciencia y Tecnología.

Os 25 estudantes que conforman a 11ª promoción de Estalmat-Galicia  de estímulo do talento matemático en rapaces de 12 e 15 anos, participarán este sábado 23 no acto inaugural do curso 2017-2018, que terá lugar ás 10:30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
[Ler máis]

luns, 17 de xullo de 2017

E4G-2017 = Encontro Egresados e Estudantes ESTALMAT-Galicia

Dez promocións de talento matemático galego

Estalmat-Galicia cumpre o seu décimo aniversario reunindo en Matemáticas os seus estudantes e egresados

Como non podía ser doutra maneira, os máis de 70 rapaces e rapazas que este sábado participaron no encontro E4G-2017 para conmemorar o décimo aniversario de Estalmat-Galicia celebraron a efeméride cunha batalla matemática e un xogo de rol.
[Ler máis]

venres, 14 de xullo de 2017

E4G-2017 = Encontro Egresados e Estudantes ESTALMAT-Galicia

Estalmat-Galicia reúne por primeira vez as súas dez promocións de estudantes e egresados

O encontro E4G-2017 terá lugar este sábado en Matemáticas

A Facultade de Matemáticas será este sábado 15 o escenario do encontro das dez promocións do programa de estímulo do talento matemático que xa cursaron polo menos un curso. Con motivo da celebración dos dez anos de implantación de Estalmat-Galicia, durante toda a xornada os máis de 70 estudantes que asisten participarán en diversas actividades lúdico-matemáticas.

venres, 16 de xuño de 2017

Seleccionados ESTALMAT-Galicia 2017


Xa está dispoñible a listaxe dos estudantes que foron seleccionados para participar no Proxecto ESTALMAT-Galicia a partir do próximo curso académico.

A entrevista persoal cos candidatos e as súas familias terá lugar na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela o sábado 17 de xuño.

En caso de producirse algunha renuncia nos 25 primeiros, os suplentes clasificados nos primeiros lugares que correspondan serán contactados polo Comité Organizador.

venres, 2 de xuño de 2017

Proba de aptitude ESTALMAT-Galicia 2017


404 aspirantes para conformar a 11ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2017

A proba de selección celébrase este sábado na Facultade de Matemáticas.

Para celebrar os dez anos do proxecto Estalmat-Galicia, 404 estudantes de toda Galicia nacidos en 2004 e 2005 participarán este sábado nas probas de selección dos 25 estudantes da 11ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, no que é un novo récord de participación.

martes, 30 de maio de 2017

E4G-2017 = Encontro Egresados e Estudantes ESTALMAT-Galicia


Dentro das actividades para celebrar os 10 cursos de ESTALMAT-Galicia, organizouse para o vindeiro 15 de xullo un encontro de egresados das 10 promocións na Facultade de Matemáticas da USC. No programa previsto, o E4G-2017 inclúe batalla matemática, xantar e xogo de rol. 

O Comité Organizador está composto por os oito egresados que se amosan na foto: Luis Antonio, Bárbara, Fernando, Alicia, Iago, Marina, Elena e Luis.

domingo, 21 de maio de 2017

Convocatoria ESTALMAT-Galicia 2017


ESTALMAT-Galicia constituíuse en 2007 dentro do Proxecto ESTALMAT. Dende entonces selecciona cada ano 25 nenos de toda a Comunidade Autónoma de Galicia con aptitudes ou talento especial para as Matemáticas, mediante unha proba obxectiva que se celebra na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela a finales de cada curso académico. Esta proba está aberta a todo rapaz de 12 e 13 anos que desexe presentarse e consiste na resolución dunha colección de problemas matemáticos.

A convocatoria de este ano de Estalmat está dirixida aos estudantes nacidos nos anos 2004 ou 2005 e terá lugar o sábado 3 de xuño.

A inscrición está aberta ata o 26 de maio.
[Máis información]

luns, 8 de maio de 2017

9ª Promoción ESTALMAT-Galicia


A novena promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebrou este sábado en Matemáticas o seu acto de despedida. A sesión presidiuna o reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, e contou coa presenza do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; da secretaria xeral da Igualdade, Susana López; do alcalde de Ortigueira e deputado provincial da Coruña, Juan Penabad; da coordinadora xeral do Proxecto ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez-Cendón, e de membros do equipo docente.
[Ler noticia]

xoves, 2 de marzo de 2017

Xornada coas Familias ESTALMAT-Galicia


O próximo sábado día 4 de marzo celebrarase a segunda xornada coas familias prevista no calendario de actividades de ESTALMAT-Galicia para este curso 2016-17.

A sesión consistirá nun Paseo Matemático por Santiago de Compostela dirixido polo profesor de ESTALMAT-Galicia, Julio Rodríguez Taboada.

O lugar de encontro será no Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval, ás 11:00 horas e o paseo rematará arredor das 13 horas na entrada da Alameda.

Haberá que prestar moita atención ás previsións do tempo pois en caso de anunciarse choiva para ese día, suspenderíase o paseo e a sesión tería lugar na Facultade de Matemáticas, ás 10:45 horas e consistiría na visión da película "Cobardes" de José Corbacho e Juan Cruz, que trata o tema o do acoso escolar, á que seguiría un debate.

A suspensión do paseo matemático por posibilidade de choiva faríase o xoves pola noite a través do correo electrónico e anunciaríase o venres día 3 na páxina web de ESTALMAT-Galicia.

A esta actividade poden asistir pais, nais e outros familiares acompañantes do alumnado Estalmat.

domingo, 19 de febreiro de 2017

8ª Promoción ESTALMAT-Galicia


Onte celebráronse na Facultade de Matemáticas en Santiago os actos de despedida da 8ª promoción de ESTALMAT-Galicia unha vez finalizado o programa ESTALMAT Pi.

Nada que ver estas caras da fotografía coas que publicábamos fai uns días! Parabéns!

Podedes atopar referencias aquí:
Xornal da Universidade de Santiago
El Correo Gallego (edición dixital)
El Correo Gallego (edición impresa)
GCiencia

mércores, 15 de febreiro de 2017

Despedida Promoción ESTALMAT Pi-Galicia


O sábado 18 de febreiro celebrarase o Acto de Despedida da promoción de 2014 de ESTALMAT-Galicia. Será na Aula Magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, ás 10:30h.

Parabéns aos 24 estudantes de esta 8ª promoción de 2014 e ás súas familias!

[Programa do Acto]

domingo, 16 de outubro de 2016

Primeira sesión coas familias ESTALMAT-Galicia

O sábado día 22 de outubro terá lugar a primeira sesión coas familias prevista no calendario de actividades de ESTALMAT-Galicia para o curso 2016/17.
Dará comezo ás 10:35 horas, no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas, unha vez que o alumnado de Estalmat entre nas aulas.
Nesta ocasión, tendo en conta que ESTALMAT-Galicia está a cumprir 10 anos, temos preparado unha sesión na que nos visitarán tres estudantes da primeira promoción de Estalmat Galicia que nos contarán a súa experiencia antes, durante e despois do seu paso por Estalmat-Galicia:

Iago Velasco López
de Vigo,  estudante de Ciencias Políticas e da Administración
Alicia Seijas Vázquez
de Lugo,  estudante do Grao en Matemáticas
Luis Antonio López Valcárcel
de Santiago, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

Esta actividade ten carácter voluntario e poden asistir nais/pais e outros familiares acompañantes do alumnado ESTALMAT-Galicia.