domingo, 26 de xaneiro de 2014

A lenda da Torta de Guitiriz


Unha das cousas que fai tamén curiosa a Torta de Guitiriz,  e a  da súa orixe, pois ten unha lenda particular:
No lugar de O Boedo había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia en busca de acubillo. Chamaron ás portas de varias casas porque chovía incesantemente, pero ningunha llo quixo dar. Incluso un zapateiro arroxoulle unha forma a Xesús. Chamaron entón á porta dunha muller que tiña varios fillos. Todos eles estaban a chorar da fame que tiñan. A muller díxolles que só podía aloxalos pero non darlles de comer. Entón a Virxe díxolle á muller que collese cinzas do fogar e que amasase unha torta con elas. Ao principio, a muller foi reticente, e dicía que non se podería amasar nada cunhas simples cinzas, porque a masa non ligaría. Pero ante a insistencia da Virxe, a muller accedeu a amasar e cociñou unha torta coa que alimentou a todos os presentes. Ante a incredulidade da muller, a Virxe dixo que era tan seguro que aquela torta estaba feita de fariña de millo  como que o lugar de O Boedo desaparecería baixo as augas aquela mesma noite por non darlles acubillo. E así foi, á mañá seguinte todo o pobo desaparecera baixo as augas, ben, todo o pobo non, só quedou a salvo a casa daquela humilde familia. Dise que dende entón se escoitan campás e un ruido que foi esconxurado por un cura; pero aínda hai un sitio ó que lle chaman o "Pozo da Campá".

Ningún comentario:

Publicar un comentario